Friday 17 de May de 2024

O retrato de Carlos Negreira incorpórase á galería de alcaldes do Pazo de María Pita


O cadro é obra do pintor Antonio Lara e forma parte xa da exposición permantente situada no primeiro andar do pazo municipal

O Pazo de María Pita suma desde este venres o retrato de Carlos Negreira, alcalde da Coruña entre 2011 e 2015, á súa galería de alcaldes. Como é tradición, o Concello solicitou a elaboración desta obra para a colección ubicada na primeira planta da Casa Consistorial, como aconteceu anteriormente co resto de rexedores, aos que se lles pretende render homenaxe polo seu labor á fronte do Goberno municipal.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita a Carlos Negreira, a quen lle agradeceu a súa dedicación durante os catro anos nos que foi alcalde. “A democracia é un constante exercicio de diálogo entre iguais, onde por suposto o roce acaba converténdose en cariño”, apuntou Rey, quen destacou que actos como o de hoxe están por riba das lexítimas diferenzas ideolóxicas.

O acto tivo lugar no salón de sesións do Pazo de María Pita, onde estiveron presentes familiares de Carlos Negreira, membros da súa corporación, representantes de diferentes formacións políticas e do Goberno municipal e persoas achegadas do exrexedor. O retrato é obra do andaluz Antonio Lara Luque, recoñecido autor no panorama nacional dentro do realismo contemporáneo. O autor ostenta diferentes premios e mencións en certames de pintura de gran nivel. O retrato é un óleo sobre tea e ten unhas dimensións de 100 centímetros de alto por 81 de largo.

“Vuelvo a mi casa, porque es la casa de todos los coruñeses”, dixo Negreira, que agradeceu á alcaldesa a organización do acto. O exalcalde tivo tamén palabras de agredecemento para os traballadores municipais, as asociacións da cidade e os compañeiros de corporación.

“Para min é unha honra acompañar hoxe aquí como alcaldesa a Carlos Negreira. E sentiría o mesmo se fose calquera outro alcalde, sexa do signo político que sexa”, sinalou Inés Rey quen agradeceu o traballo levado a cabo polo exrexedor durante o seu mandato. “Todos os alcaldes elexidos democraticamente nesta cidade teñen traballado por ela e é xusto que se lles recoñeza a súa pegada incluíndo os seus retratos na galería, que ilustra tamén a historia desta cidade desde hai máis dun século”, dixo Inés Rey, insistindo na importancia da relación entre persoas por riba das cores políticas.

A tradición da elaboración de retratos dos alcaldes da cidade remóntase a comezos do século XX, cando foron encargados os dous primeiros, dos rexedores Evaristo Babé y Geli e Canuto Berea, este último elaborado por Román Navarro, prestixioso retratista coruñés da súa época. Os últimos que se incorporaron á galería de alcaldes, antes de Carlos Negreira, foron os de Francisco Vázquez e Javier Losada, no ano 2016, e o de Joaquín López Menéndez, en 1983.